A CEG pide compromiso para que a Alta Velocidade chegue en tempo razoable a todas as grandes cidades de Galicia
Tras celebrar o “fito histórico” que supón a chegada do AVE a Ourense desde o pasado día 21 de decembro, Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, animou a seguir traballando -e para iso pediu o compromiso de todos-, para que a Alta Velocidade chegue en tempo razoable ás demais grandes cidades de Galicia en base ao factor común da competitividade, non debéndose superar para iso as tres horas e media de duración entre Madrid e o destino en cuestión. Así o expuxo no marco da súa intervención nun foro destinado a abordar as oportunidades e os desafíos relacionados coa chegada do AVE a Ourense organizado pola Xunta de Galicia e celebrado esta mañá en Expourense.
Vieites lembrou que “Vigo e Pontevedra están por encima das catro horas de viaxe e Lugo e Ferrol na contorna das cinco”, polo que “non son tempos competitivos” e “hai que seguir avanzando na súa redución, e aspirar a que o proceso necesario para iso non se prolongue no tempo como ocorreu en certas fases do tramo Ourense-Madrid, cuxa finalización celebramos estes días”.
“Debemos traballar –segundo o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia-, nos estudos e definición dunha solución definitiva que poida ser executada canto antes para conectar Vigo e Ourense e culminar realmente a chegada do AVE á cidade olívica”, continuou. Ademais, e para a organización empresarial galega, é preciso avanzar na mellora das conexións de Lugo e Ferrol; adecuar o trazado Lugo-Ourense para alta velocidade e actualizar o trazado A Coruña-Lugo, incluída a variante de Betanzos para acceder a Ferrol.
“Non en balde –segundo o presidente da organización empresarial galega-, os primeiros días de funcionamento do AVE xa deron indicadores do interese e importancia que esta conexión ten e terá cada vez máis para Galicia segundo gañe prestacións e conclúa todas as súas conexións”.
Igualmente, no seu discurso, Juan Manuel Vieites referiuse ao Eixo Atlántico como outro exemplo da importancia que o ferrocarril pode xogar na vertebración e desenvolvemento do territorio, xa que “nestes momentos é unha das liñas de media distancia máis importantes de España, con dous millóns de pasaxeiros, e cunha evolución ascendente que previsiblemente seguirá crecendo”.
Tampouco se quixo esquecer a CEG da aposta decidida dos empresarios galegos pola vertebración ibérica a través da conexión por alta velocidade con Portugal, polo que “o compromiso decidido de Madrid e Lisboa nesta cuestión debe ser total, dándolle prioridade no tempo”; así como do desenvolvemento do Corredor Atlántico de mercadorías.

Numerosas iniciativas solidarias gallegas forman parte del proyecto “Empresas que ayudan” de CEOE
Leer mas
Presentación da Guía de boas prácticas en materia de igualdade para a negociación colectiva
Leer mas
ATA Galicia intégrase na Confederación de Empresarios de Galicia
Leer mas
Contacta coa
CEG