A CEG lembra que a descarbonización é unha oportunidade que permitirá recuperar o peso do sector industrial e da industria manufactureira en Galicia
XORNADA CEG & IBERDROLA. Plan europeo para a industria: Descarbonización e aforro enerxético.
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) organizou, en Santiago de Compostela, unha xornada, co patrocinio de Iberdrola, “Plan europeo para a industria: Descarbonización e aforro enerxético”.
Durante a cita, abordáronse os ambiciosos obxectivos climáticos marcados no seo da Comisión Europea que puxeron en marcha todos os mecanismos para chegar a cero emisións netas no 2050. Neste sentido, o presidente da CEG explicou que “o conxunto de España o sector industrial é responsable do 21% do total das emisións de gases de efecto invernadoiro, polo tanto, a transición cara a procesos máis sustentables será un elemento clave para alcanzar a neutralidade de emisións. Temos por diante menos de tres décadas para culminar un proceso transformador no que xa estamos inmersos e que xa está a provocar cambios industriais, económicos e xeopolíticos”.
Pola súa banda, Francisco Silva, delegado Iberdrola Galicia, patrocinadores do evento, incidiu en que “a descarbonizacion industrial é un reto e Galicia non pode perder este tren. Tocounos a lotaría das enerxías renovables en Europa; temos vento na terra e no mar, temos auga, montes que permiten o almacenamento enerxético e biomasa. Uns recursos renovables, autóctonos e limpos privilexiados que debemos aproveitar para o emprego e o desenvolvemento de Galicia. O quecemento global continúa e debemos traballar para frealo. Non podemos depender de combustibles fósiles que non temos. A transición ecolóxica está en marcha, e garante a mellora do medio ambiente, da economía, do emprego, da saúde pública e da seguridade de subministración e independencia enerxética”.
Juan Manuel Vieites fixo referencia ao contexto que vivimos “enfrontámonos ao desafío da descarbonización nun contexto no que padecemos a alza dos prezos as materias primas e os combustibles, a rotura das cadeas de subministración, os efectos da invasión rusa de Ucraína e moi atentos ao que está a ocorrer entre Israel e Palestina. Celebramos esta xornada co ánimo de pór en valor os avances que están a facer as nosas empresas para descarbonizar a súa actividade e para ser cada día máis sustentables, ao mesmo tempo que trataremos de abordar os retos que aínda temos por diante”.
Abordouse o Plan Industrial do Pacto Verde da Unión Europea, que nace para favorecer a capacidade de fabricación da UE baixo os principios de cero emisións e aséntase en catro puntos fundamentais que teñen que ver cun marco regulador previsible e simplificado, o acceso acelerado ao financiamento, a mellora das capacidades e o comercio aberto para as cadeas de subministración resilientes. Sobre esta cuestión, desde a CEG fixeron fincapé en que “todos eles son, sen dúbida, puntos críticos que veñen sendo motivo de preocupación para as empresas. A diversa e cambiante normativa á que teñen que atender as empresas e a falta dunha ordenación e dunha estabilidade, son elementos que non contribúen a ofrecer seguridade xurídica aos investimentos e que por tanto, restan competitividade”.
Destacouse que resulta imprescindible contar coa colaboración de todos os axentes implicados nesta transición para poder establecer un marco normativo ordenado, sólido e estable, que sexa garantista co medio ambiente, co benestar da sociedade e que achegue a seguridade xurídica que necesitan os investimentos para ser o motor dun crecemento sustentable e constante.
Por outra banda, sinalouse tamén que o proceso de descarbonización supón unha oportunidade. “É o momento de apostar, como xa estamos a facer, por unha reindustrialización que sexa fonte de creación de emprego verde e de calidade, e que permita recuperar o peso relativo que nos últimos anos perdeu o sector industrial en xeral e a industria manufacturera en particular. Para iso debemos acometer a electrificación da economía e dar o impulso definitivo ás enerxías renovables, aproveitar a experiencia adquirida na implantación de tecnoloxías como a solar ou a eólica terrestre que deben seguir avanzando e no desenvolvemento e instauración de novas tecnoloxías vinculadas ao hidróxeno, á eólica mariña ou a biomasa. Xestionar de forma eficaz unha posición de partida vantaxosa, será a clave para aumentar a nosa competitividade e o noso crecemento. Temos que facilitar e acelerar a posta en marcha de proxectos enerxéticos que permitan á súa vez a implantación de proxectos industriais, para os que o custo enerxético é un factor clave”.
Vieites destacou que “é o momento tamén de apostar pola economía circular e pola integración da dixitalización e a eficiencia en todos os procesos vinculados á cadea de valor. Debemos traballar no fomento da innovación e a transferencia do coñecemento para lograr unha aplicación óptima de solucións innovadoras nos procesos industriais. É o momento de apostar pola adaptación e a capacitación do noso principal activo, o capital humano”.
Por último, non quixeron esquecerse de que o proceso de descarbonización é tamén unha fonte de creación de novos empregos “que necesitarán que nos anticipemos e adaptemos unha oferta formativa que permita dar resposta a novas necesidades, mellore a empleabilidad das persoas e contribúa á cohesión social e a erradicación da pobreza”.
Ademais do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, no evento participaron: Francisco Silva, delegado de Iberdrola en Galicia; Nicolás Vázquez Igrexas, secretario xeral de Industria, da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia. O relatorio “Plan industrial do pacto verde da UE, o camiño para a industria de cero emisións” estivo a cargo de Carlos Gómez, secretario xeral da Comisión Europea, Unidade responsable de Dixital Transition, Industry & Single Market.
Tamén se desenvolveron diversas mesas redondas, a primeira baixo o título “Crise enerxética e obxectivos climáticos, perspectivas de futuro”, con Tatiana López, presidenta e CEO Nanogap; Antonio Casal, director territorial en Galicia de Ence; Emilio Bruquetas director xeneral de Reganosa. A segunda: “Retos da industria manufacturera para a neutralidade de emisións”, con Rafael Landín, delegado institucional de Iberdrola, como moderador; Rebeca Acebrón, CEO de Acebron Group; Pablo López, director de Servizos Técnicos e de Pintura de Stellantis Vigo; Iván Alonso-Jáudenes, director xeral de Conservas Antonio Alonso; e Antonio Fonseca, vicepresidente executivo Grupo Terras Gauda. A última mesa redonda titulada “A descarbonización da cadea de valor”, estivo moderada por Pablo Mañó, responsable de Descarbonización Industrial en Iberdrola e participaron Pablo Núñez, delegado en Galicia do Ilustre Colexio Oficial de Geólogos; Miguel Prada, responsable comercial en España de Ecoforest; Cristina Vázquez, directora de Operacións en Teimas; e Eladio Pérez, director xeral de Sogapol.

COMUNICADO CEG | ACTIVIDADE DA COMISIÓN MAR INDUSTRIA
Leer mas
La CEG participa en una Comisión parlamentaria para el seguimiento de las políticas sobre la discapacidad
Leer mas
La Confederación de Empresarios de Galicia colabora en el Evento “100 Consejos Santander 2022” de Libredón
Leer mas
Contacta coa
CEG