A CEG explica que “en Galicia, o financiamento público representa unha panca imprescindible para impulsar a competitividade empresarial, acelerar proxectos estratéxicos e soster sectores clave en momentos de dificultade”
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) organizou un coloquio co presidente do Instituto de Crédito Oficial, Manuel Illueca, xunto co Consello Asesor da CEG, organizacións integradas, e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos. Un evento que contou co patrocinio do Banco Sabadell.
Na súa intervención, o presidente do ICO compartiu cos asistentes as principais liñas de traballo que está a despregar o banco público no marco da Adenda ao Plan Estratéxico da entidade. Repasou a evolución do ICO, destacando “a súa capacidade para canalizar fondos cara ao tecido empresarial a través de liñas de mediación en colaboración coas entidades financeiras”.
Segundo Illueca, “estes instrumentos foron decisivos para asegurar liquidez en momentos de máxima tensión e manter en funcionamento a miles de empresas, moitas delas galegas”. A CEG recoñece que ese esforzo público foi fundamental para evitar a destrución de actividade, emprego e, en definitiva, valor económico e social.
Tamén explicou que “nun contexto como o actual, marcado polo crecemento económico e a abundancia de liquidez nos mercados financeiros, o ICO está a centrar cada vez máis a súa actividade no financiamento directo para cubrir fallos de mercado. Por iso, está a potenciar os programas orientados a financiar a construción de vivenda destinada a aluguer alcanzable e o crecemento das pemes”.
Manuel Illueca expuxo como está deseñada a nova liña ICO Crecemento, a primeira ferramenta 100 % dixital dirixida a pemes, “permitindo cubrir necesidades que a miúdo atopan máis dificultades de financiamento no mercado, como o investimento en activos intangibles, os procesos de substitución xeracional na empresa familiar ou as operacións que requiren prazos amplos e estruturas flexibles. O obxectivo é acompañar o crecemento das empresas viables, reforzando a súa estrutura financeira e a súa capacidade de investimento”.
O presidente do ICO abordou como a institución está a traballar para estar “máis preto das empresas”, non só co lanzamento desta ferramenta dixital, que reduce a carga administrativa para as compañías, senón tamén grazas ao apoio do equipo territorial do ICO, que ofrece un acompañamento próximo en todo o proceso.
Pola súa banda, o presidente da CEG detallou que “en Galicia, o financiamento público -tanto autonómica como estatal ou europea- representa unha panca imprescindible para impulsar a competitividade empresarial, acelerar proxectos estratéxicos e soster sectores crave en momentos de dificultade”.
Así mesmo, Juan Manuel Vieites di que “é fundamental que a cooperación entre a administración autonómica, o ICO e o conxunto do sector financeiro siga profundándose. Porque en Galicia temos claro que cando as institucións traballan coordinadas, as nosas empresas avanzan con maior seguridade e velocidade”.
Desde o tecido empresarial galego trasladaron tres mensaxes moi claras:
1. Necesidade de que o financiamento —pública e privado— chegue a tempo.
En momentos de incerteza xeopolítica, custos crecentes e tensións de tesouraría, a liquidez segue sendo crítica. A experiencia dos avais ICO demostra que os instrumentos ben deseñados e executados funcionan, e funcionan moi ben.
2. É imprescindible reforzar as canles de investimento para pemes.
O 99,84 % do tecido empresarial español está composto por pemes e autónomos, responsables de máis do 65 % do emprego. O seu crecemento depende de financiamento adaptado, flexible e orientada ao longo prazo.
3. Reclaman a todas as entidades —públicas e privadas— unha maior coordinación.
Non podemos permitir que os recursos se perdan en trámites, duplicidades ou complexidades administrativas.
Neste sentido, desde a CEG reiteran que “os mecanismos públicos de financiamento, incluídos os programas europeos, incorporen maiores porcentaxes de axuda para pemes e apóiense máis decididamente no sistema financeiro para axilizar a súa tramitación, como xa sinalabamos en anteriores reunións deste foro”.
Engaden que Galicia ten por diante retos maiúsculos:
• Consolidar a industrialización sostible
• Acelerar a transición enerxética
• Impulsar a dixitalización
• Reforzar o crecemento de pemes e microempresas
• Facilitar o acceso a vivenda accesible, factor determinante para atraer e reter talento
Vieites conclúe que “o ICO está a orientar moitas das súas novas liñas a estes ámbitos estratéxicos, e desde a CEG pómonos plenamente á súa disposición para colaborar e acompañar ás empresas no seu acceso a estas oportunidades”.
Contacta coa
CEG