gl
  • es
  • gl
Home > A CEG advirte que “non se pode lexislar cun rodete, cambiando continuamente as regras do xogo sen contar con quen teñen que aplicalas”

A CEG advirte que “non se pode lexislar cun rodete, cambiando continuamente as regras do xogo sen contar con quen teñen que aplicalas”

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) mostra o seu rexeitamento ao acordo alcanzado entre o Ministerio de Traballo e os sindicatos CCOO e UXT para a reforma da Lei de Prevención de Riscos Laborais, ao considerar que “será un acordo político ou sindical, pero non é diálogo social”.

O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, criticou que se presente como un acordo de diálogo social “algo no que as organizacións empresariais fomos finalmente apartadas, xa que non responde á realidade. O diálogo social, segundo a OIT, é tripartito, e aquí o que houbo foi un acordo bilateral do Goberno cos sindicatos”.

O presidente da CEG lamentou que se impediu unha negociación real, “nunha materia tan sensible como a prevención de riscos laborais, que afecta directamente ao día a día das empresas e á saúde dos traballadores, non se pode prescindir do coñecemento de quen organizan o traballo e xestionan os centros produtivos, especialmente nunha comunidade como Galicia, cun tecido empresarial maioritariamente formado por pemes e micropemes”.

Vieites advertiu que as reformas impostas sen consenso xeran inseguridade xurídica, unha cuestión especialmente preocupante. “As nosas empresas, moitas deles pequenas e medianas nunha comunidade como a nosa, así como as nosas persoas autónomas necesitan regras claras, estabilidade normativa e tempo para adaptarse. Non se pode lexislar cun rodete, cambiando continuamente as regras do xogo sen contar con quen teñen que aplicalas”.

En relación co debate sobre as baixas por incapacidade temporal e o absentismo por enfermidade común e accidente non laboral, o presidente do empresariado galego ha insistido en que “non se trata de cuestionar dereitos nin de sinalar a ninguén”, senón de abordar un problema real que ademais da recuperación da saúde das persoas, tamén afecta á economía galega. “En Galicia temos sectores intensivos en man de obra e con maiores dificultades de substitución, e o absentismo é un problema que impacta na produtividade, a competitividade e na propia organización do traballo. Cremos que é un tema que debe tratarse con rigor e responsabilidade tamén no marco da negociación colectiva”.

En 2024, a duración media das baixas por incapacidade temporal en Galicia situouse en máis de 81 días por proceso finalizado, fronte a ao redor de 43 días de media no conxunto de España, o que supón case o dobre de duración na comunidade galega respecto da media estatal e unha diferenza interanual notable desde 2018, cando Galicia tiña unha media duns 66 días e España duns 41 días por baixa finalizada. Este aumento continuado da duración media das baixas en Galicia -máis dun 23 % desde 2018- contrasta cun incremento moito máis moderado no conxunto do país. Estes datos foron recollidos polas estatísticas oficiais de procesos de incapacidade temporal e estudos sectoriais relativos a 2024-2025 da Asociación de Mutuas de Accidentes de Traballo (AMAT) e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Os datos oficiais dispoñibles sobre incapacidade temporal en Galicia e España en 2025 pon de manifesto unha brecha importante na duración media das baixas, o que engade presión ao debate sobre a xestión da prevención e o absentismo. A duración media das baixas por incapacidade temporal en Galicia sitúase moi por encima da media nacional, con procesos que se prolongan ao redor de 76,4 días de media nos primeiros meses de 2025, fronte aos menos de 46 días de media no conxunto de España en 2024, o que implica máis de 30 días adicionais de ausencia por cada baixa en Galicia respecto da media estatal. Así mesmo, a taxa de absentismo laboral en Galicia situouse en 8,4% das horas pactadas en 2025, claramente por encima da media española (7%), e a incidencia do absentismo por incapacidade temporal tamén supera á estatal (6,7% fronte ao 5,5%).

Así mesmo, Vieites defendeu que “estas materias deben negociarse nas mesas correspondentes, con respecto entre as partes e sen anuncios previos nos medios que tensionen innecesariamente o clima de diálogo”.

Finalmente, o presidente da CEG, sobre o diálogo social autonómico, reiterou que “a parte empresarial en Galicia sempre estivo e estará disposta ao diálogo na nosa comunidade autónoma, un diálogo baseado no respecto ao interlocutor, e na procura de acordos equilibrados. O que pedimos é reforzar o diálogo social real, porque é a única vía para alcanzar consensos para mellorar a saúde laboral, protexer ás persoas traballadoras e garantir a viabilidade e o contexto no que desenvolven a súa actividade as nosas empresas”.