gl
  • es
  • gl
Home > A CEG acolle a presentación do “Informe sobre Absentismo Laboral” e fai un chamamento a “facer os deberes” e baixar a media do absentismo inxustificado, para equilibrar a cifra coa media estatal

A CEG acolle a presentación do “Informe sobre Absentismo Laboral” e fai un chamamento a “facer os deberes” e baixar a media do absentismo inxustificado, para equilibrar a cifra coa media estatal

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) acolleu a presentación do “Informe sobre Absentismo Laboral”, elaborado pola Universidade de Santiago e pola Universidade de Vigo, para a Xunta de Galicia.

O informe, detallado polo profesor Santiago Lago, catedrático do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela e director do Foro Económico de Galicia, ofrece unha análise detallada do absentismo laboral en Galicia, identificando tendencias, factores explicativos e posibles liñas de actuación. Trátase dunha ferramenta de gran utilidade para empresarios, responsables públicos e axentes sociais, que permitirá avanzar cara a solucións equilibradas e eficaces.

Del despréndese que Galicia presenta niveis de absentismo laboral superiores á media estatal na porcentaxe de xornadas perdidas, na duración media dos procesos de incapacidade temporal e no predominio de procesos de longa duración.

Dise no documento da Universidade de Santiago e da Universidade de Vigo que se non son factores estruturais e inmutables a curto prazo, como o avellentamento, o que determina no fundamental o maior absentismo en Galicia, ábrese unha ventá de oportunidade para definir e implementar estratexias de redución do absentismo inadmisible.

O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, explicou que “Galicia ten que facer os deberes e baixar as cifras do absentismo inxustificado, ata dous puntos, para equipararse á media do Estado. Este fenómeno prexudica non só dende o punto de vista económico, senón social, ademais de danar á competitividade e á produtividade empresarial. A colaboración público privada e o diálogo social serán clave. Necesitamos concienciación para evitar un problema que ademais causa agravio comparativo entre traballadores. É imprescindible equilibrar as cifras do absentismo que en Galicia son superiores á media española”.

Santiago Lago aclarou que o absentismo é un concepto moi amplo, pero hai unha parte dese absentismo que é onde hai que traballar: accidentes laborais, baixas prolongadas, entre outras. Advirte que España está á cabeza en Europa en xornadas perdidas e Galicia ocupa o segundo posto. O fenómeno do absentismo medra e esténdese, pero do informe tamén se desprende que o avellentamento da poboación é tan só un tercio das causas, polo tanto queda estudar os outros factores, por exemplo o factor sanitario, onde se acusa unha subida de IT músculo esqueléticas, saúde mental e neoplasias.   

Subliña que o custo do absentismo en Galicia en 2024 foi de case 1.000 millóns de euros á Seguridade Social e outros 1.000 millóns ás empresas; provocando unha redución do PIB ata nun 3%.

O impacto do absentismo laboral por incapacidade temporal por continxencia común impacta non só nos custos empresariais, senón tamén na produtividade, a organización do traballo e, en última instancia, na sustentabilidade e competitividade das empresas.

Segundo os datos máis recentes dispoñibles, en Galicia contabilizáronse máis de 8.200 vacantes activas no primeiro trimestre de 2025, o terceiro rexistro máis alto desde 2013, concentradas en industria, hostalaría, loxística, transporte e servizos socio sanitarios, sectores que non logran cubrir postos a pesar da existencia de demandantes de emprego. En 2025, a taxa de absentismo laboral en Galicia alcanzou o 8,4 % das horas pactadas, fronte a unha media estatal próxima ao 7 %.

A duración media dos procesos de incapacidade temporal por continxencias comúns, tendo en conta o dez primeiros meses de 2025, situouse en 72,25 días, máis de 30 días por encima da media nacional (39,74 días; réxime xeral, agregado do sistema), confirmando unha tendencia sostida desde o 2018.

“Este fenómeno ten un impacto directo sobre a competitividade. En Galicia, o número equivalente de persoas traballadoras que non acudiron ningún día ao traballo ao longo do ano achégase ás 100.000, unha cifra incompatible cunha economía que sofre escaseza de man de obra e un acusado envellecemento demográfico. As empresas -maioritariamente pemes e micro pemes- vense obrigadas a reorganizar quendas, asumir sobre custos e, en moitos casos, renunciar a pedidos ou a crecer. Pero hai un segundo eixo do absentismo que este debate non pode seguir ignorando. Os trastornos mentais son xa a segunda causa de baixa por IT en España (INSST, outubro 2025)”, constatou Vieites.

En 2024 rexistráronse máis de 468.000 situacións de IT por esta causa no primeiros nove meses, e no sete primeiros meses de 2025 xa se superaron as 420.000. Estas baixas duran unha media de 108 días, 2,5 veces máis que a media do resto de diagnósticos; a depresión, pola súa banda, é a causa máis frecuente de incapacidade de máis de quince días, cunha duración media de 167,9 días.